segunda-feira, 6 de fevereiro de 2012

Rear Window

      Rear Window 
                                                  A fiestra indiscreta




       Probablemente a mera colección de telefilmes e adaptacións feitos a partir desta historia xa nos permitan imaxinar ante o tipo película co que nos atopamos. A Rear Window é un dos grandes filmes de Alfred Hitchcock e dende o capítulo adicado dos Simpson ata reversións de serie b, utilizarase o argumento deste filme readaptándoo e reutilizandoo ata a saciedade, unhas con grande éxito como pode ser Woody Allen en “Misterioso asasinato en Manhattan”  ou dunha maneira estrepitosamente patética como ocurre noutros filmes (que omitirei citar). Moitos pecamos de ter visto primeiro unha versión de terceira antes de achegarnos ó gran orixinal.

    A idea do voyeur é a que centra todo o filme. O ser humano é curioso, probablemente sexa unha destas cousas totalmente innatas e innegables que posúe o home polo simple feito de ser, (ahí temos o éxito de facebook) e o gran logro deste guión explícase dende este punto. Todos nalgún momento sentimos intriga polo que acontece ó noso carón e é esa a baza que utiliza Hitchcock, presentándonos un pequeno submundo que ocorre en torno a un patio interior axardinado. Pequenas historias domésticas, case todas sen moito máis interés do que teñen os nosos propios veciños na realidade, pero que configuran unha estampa de normalidade na que se introduce unha historia pola porta traseira. A historia que todos agardamos.
    Na miña opinión un dos grandes logros do filme é observar meramente a descripción da paisaxe humana neoiorquina do momento.  Bailarinas, compositores e cantantes de ópera convivindo no Greenwich Village con matrimonios desesperados ou namorados, cun aire de capital aberta culturalmente que conserva a realidade da vida cotiá. Cada xanela un pequeño cadro costumbrista da sociedade do momento no embigo do mundo. Son pequenos mundos con historias que evolucionan ó longo da película, que non teñen unha importancia  esencial na trama de filme, pero que si a complementan e lle confiren realidade, que me recordan vagamente á morea de historias que se dan cita no Café de doña Rosa en “La Colmena” . Evidentemente Hitchcock non ten moito que ver co verismo de Cela, xa que este conglomerado de historias son máis ben utilizadas para “distraernos” da trama principal dunha forma máis cercana a comedia que a unha realidade dura e fiel da cidade de Nova Iorque. 
    A empatía do público ca película conségueo Hitchcock de forma maxistral utlizando a cámara dunha maneira moi subxectiva. Convertímonos no protagonista, Jeff, a través dos seus ollos cos que miramos utilizando os obxectivos e os prismáticos.  O voyerismo é algo que nos engancha de tal modo, que cando escoitamos murmurios, tentamos inconscientemente comprender que pasa na vida dos veciños.  Ese é outro dos grandes elementos cos que xoga director: o son.  Un conglomerado de elementos sonoros identifican cada apartamento, as melodías do piano, o ladrido do can, a cantante de ópera – que non vemos, so escoitamos ensaiar cada mañá -  as discusións dos veciños…  fan que os nosos oidos se agudicen, intentando adiantarnos ó propio Jeff para descubrir algo que está a ocurrir é que non vemos. Intentamos descubrir historias que non se nos mostran na pantalla, que están fora do encadre, pero que sabemos que están a ocurrir.  A banda sonora entendida como tal case non existe, xa que máis ben escoitamos sonidos da propia cidade. Sen embargo unha pequena canción comporase  durante o filme o que lle confire certa entidade. Hitchcock vai a relacionar a súa pelicula co mundo real sonoro, e aparecen grandes éxitos do momento que resoan entre as paredes do patio.
    O tecniocolor  mostrase como un elemento primordial do filme, esa aura saturada e de cores douradas, que nos axudan a comprender a situación de calor que está a vivir a cidade,  e unha textura moi interesante que posúen obxetos e texidos. Case unha máxica ensoñación parece a primeira aparición de Grace Kelly, ca textura volatil que o tecnicolor lle confire ó seu vestido. Cando aparece a actriz en pantalla a cor suavizase e case desaparecen os contornos, creo que incluso cun mínimo desenfoque, co que se consegue ese aire de irrealidade.
    No tocante á trama, vemos a estructuración en varios planos de importancia. Por un lado está a principal: unha historia de asasinato, na que o morbo dun fotógrafo –algo totalmente asociado á profesión- consigue desvaratar os plans do asasino,  unha trama “secundaria”, na que a relación entre Jeff e Kelly  mostra a claustrofobia do fotógrafo fronte a unha relación estable, e todo o conxunto de subramas que transcurren en cada unha das fiestras do patio, nas que unhas se relacionan con outras – o caso do pianista e a suicida -  ou que viven aisladas no seu pequeño mundo – como ocorre ca historia da bailarina ou da parella de recén casados - . 
    En canto as personaxes, Jeff posúe unha gran construcción e Stewart fai que a interpretación sexa moi realista. Un fotógrafo aventureiro, enclaustrado en catro paredes que busca un modo de escapar a través da súa ventana utilizando unha cámara. Evidentemente é fotógrafo o que xa posúe unha connotación de observador e curioso implicita.  A súa aversión ó compromiso tamén ten que ver co seu modo de entender o mundo, algo que claramente non ten intención de cambiar. Kelly representa a alta sociedade neoiorquina, unha muller que ten a cidade comendo da súa man cun vestiario incrible e un tanto frivola. Pode que cegamente namorada, pero na miña opinión, avocada unha relación que terminará fracasando malia os intentos desta de mantela a flote. Claramente son personaxes antagónicas, unha raiña da gran cidade fronte a un aventureiro nato. A terceira personaxe de gran importancia é a fisioterapeuta, Stella, quen posúe un texto moi intelixente e que lle da un toque humorístico e cínico a cada intervención.
    Pola contra  e na miña opinión, non é unha das películas de Hitchcock que mellor soportou o paso dos anos. En xeral o filme sigue a ser moi completo, pero o uso de “efectos especiais” fai que a día de hoxe algún momento se vexa un pouco ridículo, como pode ser a caida de Jeff ou o uso de filtros de cor vermella cando dispara o flash.  Na actualidade vense desfasados e probablemente no caso da caida, o filme non perdería absolutamente nada omitindo o momento – o igual que lle ocorre con Tiburón a Spielberg, a tensión manteríase ainda que non aparecese o animal - .  Evidentemente se non fose por estes efectos incipientes non se terían desenvolto os actuais, e debemos visualizar o filme no contexto da súa época, xa que se realizou fai máis de cincuenta anos.

    Outro dos elementos que na actualidade tamén fan que a película non se vexa tan redonda como pode ocorrer con “Vértigo”  é o papel de Grace Kelly,  que aparece rodeada dun “aura” de beleza e tranquilidade. Neste filme a súa interpretación, que non é mala, perde debido a cantidade de efectos lumínicos e da súa propia beleza natural, xa que en moitos momentos non parece case humana, en contraposición con James Stewart que está caracterizado dunha forma moito máis realista.
    Existen outro par de momentos que para min non funcionan, como ocorre co dos flashes. A tensión alcanza un punto máximo cando se escoitan os pasos do asasino subindo a escaleira e como agarda a que a luz se apague para atacar, pero… en canto Jeff saca o flash para cegalo, convértese nun momento un pouco ridículo ca alternancia de planos de Jeff cos planos subxectivos dos ollos do asasino cun filtro vermello. Este é un dos  momentos que a día de hoxe máis nos permiten ver como a película envelleceu – e que me recorda a unha escena de West Side Story, na que o director utiliza uns filtros de desenfoque  mentres a parella de protagonistas baila, que tamén ten un resultado que pode que no seu día funcionase, pero que a día de hoxe vese case ridículo-.
    Evidentemente estes pequenos momentos son perfectamente obviables no conxunto do filme. É unha película da súa época, e é consecuente con ela, pero a maiores, a día de hoxe continúa a ser un dos grandes referentes sobre como tratar unha historia deste tipo.  Hitchcock desplega as súas armas para conseguir enganchar ó público e crear situacións dunha tensión incrible que serán imitadas hasta a saciedade en miles de filmes ata a actualidade. Se a pelicula non envelleceu como debería, é innegable que a súa influencia no cine posterior fai que posúa un oco moi importante na historia do cine.
   

Sem comentários:

Enviar um comentário